Wednesday 15 de May de 2024

Adrián Mosquera Orgeira ofrece unha clase maxistral ao alumnado do IES Nº1 de Ordes


Este médico, nado no Mesón do Vento, conseguiu descifrar a ruta biolóxica que converte en maligno un dos tumores intracraneais máis frecuentes

Os alumnos e alumnas do IES Nº1 de Ordes están dende hoxe máis preto de coñecer os segredos do milagre que é a vida humana. Cadeas de ADN, xenes, e moito máis foi do que esta mañá lles falou unha das mentes máis sobresaíntes do Concello de Ordes, Adrián Mosquera Orgeira. Con tan só 26 anos este mozo natural do Mesón do Vento, e antigo alumno do centro académico, ofreceu unha charla maxistral na que se analizaron aspectos científicos relacionados coa vida na Terra.
Licenciado en Medicina, o currículo do Dr. Mosquera inclúe investigacións xenómicas relacionadas coa evolución celular do cancro. Concretamente conseguiu descifrar a ruta biolóxica que converte en maligno un dos tumores intracraneais máis frecuentes, o meninxioma. Un avance que non pasou inadvertido para a prestixiosa revista científica Frontiers in Oncology, do grupo Nature, quen lle financiou os custos da publicación.
Pero hai máis, bolsas de perfeccionamento de idiomas e de investigación en Canadá, Inglaterra ou Alemaña entre outros. Tamén destacan os seus avances en bioinformática, área na que se internou dende ben novo e que continúa desenvolvendo de maneira autodidacta. Nada máis e nada menos que a Sociedade Europea de Oncoloxía Médica, se interesou polo discurso do xove Mosquera Orgeira, solicitándolle unha revisión sobre a investigación científica dos meninxiomas que se publicou en setembro en Treatment Strategies Oncolog. Unha auténtica referencia no eido da investigación.
Actualmente Adrián Mosquera está a preparar o MIR, actividade que compatibiliza co seu proxecto máis ansiado. “Planificar e establecer unha plataforma de novos fármacos e vías de investigación gratuítas das que, completamente de balde, se poida beneficiar a cidadanía”, explica. “As posibilidades que brinda a bioinformática son tales que grazas a isto podemos formularnos a democratización da ciencia e xa non son imprescindibles grandes equipos para investigar”.